martes, 3 de febrero de 2015

A miña vida como nai

A nosa compañeira Samara escribiu un relato sobre a charla do Proxecto Ríos. Grazas, Samara, e parabéns.
"Ola a todos, chámome Aloia Johnson, son unha rapaza galega, aínda que como veriades polo meu apelido, teño parte inglesa, por meu pai. Miña nai é nativa de aquí, de Galiza, vivín uns cantos anos en Phoenix de onde eu son, pero sempre me chamou esa selva verde, encantada e misteriosa que describía miña nai.
Galiza era o país dos mil ríos segundo dicía, e eu preguntábame, como pode ter 1000 ríos, e ademais terra para os seus habitantes, un sitio tan pequerecho. Pero cando cumprín os 11 anos, vin a Galiza, e a venda caeume dos ollos, decatándome do parva que fora ao non entendelo. Tan pronto como vin Galiza namoreime dela, todo verde, todo con vida, os animaliños cantando, o son do vento nas copas das árbores, o fluír da auga, a súa maxestuosidade. Por iso con 19 anos presenteime como voluntaria do grupo Adega, unha organización que trata de que o medio ambiente permaneza limpo.
Agora que pasaron xa 6 anos, e sigo vendo o pouco respecto que algunhas persoas propias de aquí teñen pola súa propia terra, decidimos crear un proxecto que faga que Galiza se siga chamando o país dos mil ríos; é o "Proxecto Ríos", nel tentamos solucionar os problemas destes, e concienciar a cidadanía de protexelos e coidalos. Pasou pouco tempo dende que comezamos con este proxecto, pero xa temos arredor de 3500 persoas, onde pode participar calquera que axude a mellorar o medio.
Agora teño 24 anos e preocúpame o exceso do malgasto da auga, utilizamos un 80% na agricultura, un 95 na industria e un 12% no fogar, non sabemos aforrar ese recurso limitado global que nos deu a natureza, e que non todas as persoas poden disfrutar. O que pagamos pola auga varía segundo a zona onde vivamos. Aquí temos sorte de seguir téndoa, pero en África teñen que andar km. para poder conseguir unha pouca e, non sempre, en bo estado.
Por iso debemos aforrar auga no fogar, pechando o grifo mentres lavamos, regando con auga usada e en horas de pouca calor, para evitar a evaporación desta, cando lavamos os dentes ou non tirando nada sólido polo retrete. Todo isto polo alto custo de depurala e, principalmente, para manter este recurso e non permitir que se esgote.
A pesar de que a Terra está constituída nas suas 3/4 partes por auga, a maior parte non é apta para o consumo humano, antes hai que depurala e desalinizala. Os lugares onde hai auga de maior cantidade a menor son os mares e os océanos, sendo o meu preferido o atlántico, xa que é o que baña a miña terra; a continuación veñen os polos, a auga xeada, un lugar ao que aínda non fun, e ao que espero poder viaxar antes do seu desxeo; a auga subterránea, que custa moito extraela; os nosos queridos ríos e lagoas, dos cales disfrutamos, abusamos e usamos, sen coidalos e finalmente as nubes, toda esa auga evaporizada e condensada na atmosfera, que cae en forma de choiva, neve, sarabia, etc. algo do que os nenos e os que non somos tan nenos difrutamos.
Vouvos explicar que facemos no "Proxecto Ríos" por se algún lle apetece unirse. Un río é unha corrente de auga continua como ben saberedes, pero non só iso, a el tamén pertencen as pedras, a area, a fauna e os animas. Os voluntarios e as voluntarias coma min, facemos o chamado "adopción de río", eu levo 2 meses co meu treito de 500m., o cal teño que coidar e facerlle 2 inspeccións anuais para saber a súa saúde, vamos como un fillo, o meu fillo, aquel que eu aínda non teño; pero estou tan namorada da natureza, que vou cada fin de semana a visitalo, soa ou de vez en cando levo algún amigo para que o coñeza e vexa o que facemos, así logrei convencer a uns cantos para que se sumasen.
Nestas inspeccións dannos unhas carpetiñas cun manual para cubrir, e unhas follas de fauna e flora de cada territorio. Nos utilizamos os macroinvertebrados para saber a calidade dos ríos, están agrupados por escala de supervivencia, dende os azuis que son os máis fráxiles, que morren con calquera cambio, pasando polos verdes, os amarelos, os laranxas e finalmente os vermellos, aqueles que se adaptan a calquera medio, e que teñen hemoglobina, por iso resisten máis.
Por se non sabedes o que é a hemoglobina, vóuvolo explicar; é unha proteína da sangue, que se encarga de transportar o osíxeno dos pulmóns a todo o corpo. Nos tamén a temos, por iso nos adaptamos mais ou menos a case calquera entorno. Aínda que eu non, sempre que me colle o frío, acabo acatarrada, asique estaría entre os verdes ou os amarelos, porque aos azuis non pertencería xa que tan fráxil como para morrer, tampouco.
Tamén estudamos o bosque de ribeira, que fai como unha barreira anticontaminante, que lle proporciona aos ríos materia orgánica e sombra ao cauce para que a auga regule a temperatura, entre outras cousas, algo así como unha nai, aquela que me axuda a coidar do meu meniño. Estudamos as alteracións, como é o caso das especies invasoras como "a tartaruga de Florida", "a ostra asiática" ou "o cangrexo americano" e das especies alóctonas, que se poden chegar a converter nas anteriores.
Asi que xa sabedes naturalistas, se vos apetece, collede unhas botas, un saco e camiñade acompañados da natureza e de descoñecidos, co único propósito de lograr un mundo mellor para as xeracións futuras, para nos mesmos, para disfrutar dese mundo máxico e marabilloso que é Galiza, dos seus bosques e ríos e, sobretodo, para coidar dese recurso limitado que é a auga, porque amiguiño, nos tamén somos auga".

No hay comentarios:

Publicar un comentario