miércoles, 20 de febrero de 2013

O problema do leite, por Carla Rey Blanco


O pasado xoves 14 de febreiro, recibimos unha charla sobre o mundo rural e todo o relacionado con este ámbito. Pareceume realmente interesante porque este tema é algo que na actualidade ten moita 
importancia e gran cantidade de xente xoven descoñece.
Teresa Santamarina, a persoa que veu impartir a charla, foi concisa e clara nas súas explicacións.
Segundo nos dixo, todo comezou coa entrada en 1986 de España na UE, institución internacional creada para que todos os estados europeos membros gobernen en común. Cando o país ingresou nela, a produción de leite era excedentaria, é dicir, producía por riba da demanda dos compradores. Pero este estado foi mudando ao longo dos anos. Pasou por períodos en que a produción interior non era suficiente e foi necesaria a importación de produtos doutros países.
Actualmente, atopámonos nunha situación de crise, crise que afecta tamén a este sector. Os produtos do campo non teñen o valor que deberían. Os gandeiros non cobran polo seu traballo a cantidade xusta. Cada vez extínguense máis as explotacións gandeiras, xa que moitos dos propietarios non poden facerse cargo de tantos gastos sen recibir unha cantidade proporcional ao traballo levado a cabo durante o ano.
Hoxe en día, as granxas son cada menos, pero máis grandes. Por tanto, é necesaria unha xestión, e para que esta xestión sexa a adecuada, os gandeiros deben ter unha formación que lles permita sacar adiante a súa empresa.
Estas explotacións reciben subvencións da PAC (Política Agraria Comunitaria), desenvolvida pola UE. Sufriu un cambio importante a partir do 2005: os gandeiros pasaron a cobrar un tanto por cento establecido, independentemente da cantidade de produción. Foi o chamado pago único que, por outra banda, está vinculado ao cumprimento dunha serie de normas medio ambientais, sanitarias, de xestión, etc.
Outro aspecto da UE son as chamadas Políticas de Desenvolvemento Rural. A intención destas é a consecución dunha maior diversificación das zonas rurais, o aumento da competitividade agrícola e a mellora do entorno rural e o seu medio ambiente.
Cada sete anos celébrase en Bruxelas unha asemblea para modificar, engadir ou anular reformas agrarias, a maiores das pequenas reunións que se convocan ao longo de todo o ano para asegurar que todo funciona debidamente.
Actualmente, coa crise que atravesa o país, os gandeiros saen ás rúas a facer públicas as súas protestas. Pretenden reivindicar os seus dereitos e que se lles valore o seu traballo como calquera outro. A día de hoxe, por exemplo os gandeiros non cobran todo o que lles corresponde polo leite, xa que a elaboración deste ten uns gastos que teñen que afrontar; o xusto sería que cobrasen o suficiente como para facerlles fronte e seguir adiante. Pero hai moitos factores (a crise un dos máis importantes) que colaboran á desaparición de tantas granxas e explotacións. De seguir así, coido chegaremos ao atraso preindustrial.

Carla Rey Blanco
2ºBACH

No hay comentarios:

Publicar un comentario